20 de mayo de 2010

O CONSELLO DA XUNTA APROBA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN COA FEGAMP PARA A ACTUACIÓN DOS GRUMIR.


O Consello da Xunta aprobou hoxe, na súa xuntanza semanal, un convenio de colaboración entre as consellerías de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, e do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para a actuación en emerxencia e tarefas de protección civil, prevención e extinción de incendios forestais.


Dende o ano 2002, a Xunta vén asinando convenios de colaboración coa FEGAMP, que permiten no marco do pacto local, a prestación por parte de concellos galegos de servizos de atención ás emerxencias, protección civil, protección do ambiente, prevención e extinción de incendios, e en xeral aquelas dirixidas á salvagarda das persoas, dos seus bens e do patrimonio publico.


As consellerías de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza e a do Medio Rural colaboran no financiamento dos custos que supoñen a operatividade dos grumir estables que contratarán os concellos, a través dos seus orzamentos cunha achega única de 1.624.000 euros.


Ambas as consellerías a través das súas direccións xerais de Emerxencias e Interior, e de Montes respectivamente, levarán a dirección e coordinación destes grupos. A dirección xeral de Montes vai levar a cabo un curso teórico-práctico de formación básica sobre prevención e extinción de incendios forestais para os compoñentes dos grumir.


Mediante este convenio, que terá vixencia para efectos económicos para todo o ano 2010, regúlanse as condicións de funcionamento, colaboración e financiamento dun grupo estable e profesionalizado dos grumir das entidades locais galegas, vinculados á existencia dunha estrutura financiada a través de programas de emprego.


Os grumir interveñen en incendios forestais no seus respectivos municipios e concellos limítrofes, en incendios urbanos, en situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra, situacións de seca; colaboran coas autoridades competentes en aglomeracións de persoas en lugares e momentos determinados, en temas de seguridade viaria; realizan actividades e establecen medidas preventivas que diminúen e minimizan situacións de risco; e calquera outra intervención que implique colaboración cos concellos en materia de protección civil, ambiente, servizos sociais, sanidade, culturais, educativos e deportivos.

 
 
FONTE: CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA DO 20/05/2010