19 de febrero de 2010

Medio Rural e a Estación hidrobiolóxica do “Encoro do Con” colaboran no estudo e seguimento de peixes nos ríos galegos



O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, visitou esta tarde as instalacións da Estación de hidrobioloxía do "Encoro do Con" acompañado polo director do centro e profesor da Universidade de Santiago, Fernando Cobo.


A Xunta de Galicia ven colaborando nos últimos anos con este centro na investigación e seguimento dalgunha das especies de peixes máis importantes dos ríos galegos. Entre os traballos realizados en común salienta un estudo para coñecer o ambiente biótico das nosas augas fluviais, centrado nos macroinvertebrados, que foi publicado en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.


De maneira xeral, os estudos realizados por este centro versan sobre as especies que atravesan por unha situación delicada, tales como a alosa, o sábalo, a saboga ou mesmo a lamprea (informe este último difundido a pasada semana nunhas xornadas específicas, de carácter internacional, celebradas en Santiago). Os estudos sobre estas poboacións realizáronse en tódolos ríos galegos nos que se advertiu a presenza das referidas especies.


A Consellería do Medio Rural mantivo tamén con esta estación diversas colaboracións en materia de divulgación científica e técnica, así como para coñecemento xeral, caso da guía dos peixes de Galicia, diferentes carteis das especies piscícolas galegas e o manual de hidrobioloxía, entre outros.


Observatorio
Ademais, froito da colaboración entre a Xunta e este centro de investigación, recentemente púxose en marcha o Observatorio Galego para o seguimento de peixes migradores anfihalinos (aquelas especies que distribúen o seu ciclo vital entre a auga mariña e a fluvial), que, ao igual que noutros países do arco atlántico europeo, permitirá o estudo destes animais nun río índice, que no caso galego é o Ulla.


Este observatorio ten como finalidade xeral dar resposta ás demandas político-sociais de protexer e mellorar o estado dos ecosistemas acuáticos, mediante a conservación dun dos seus compoñentes ameazados, os peixes migradores. Nos últimos anos organizouse tamén nesta estación científica un curso de hidrobioloxía dirixido ao persoal técnico e ao persoal da gardería da Consellería do Medio Rural.


Fonte: Novas da Xunta