O director xeral de Montes presidiu hoxe en Santiago a xuntanza de traballo do Comité
Os datos estatísticos da Consellería do Medio Rural sitúan o período que vai do 15 de febreiro ao 15 de abril como o segundo de maior actividade incendiaria do ano, despois do verán
Santiago, 23/02/2010.
O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, presidiu esta mañá en Santiago a primeira xuntanza de traballo deste ano do Comité Policial Antiincendios, composto por representantes da Xunta, da Delegación do Goberno, da Fiscalía de Medio Ambiente e dos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia. O obxectivo do encontro foi analizar as actuacións precisas para garantir a maior efectividade da precampaña contra os incendios forestais que vén de comezar.
Neste sentido, a proposta da Dirección Xeral de Montes, acordouse intensificar as actuacións de vixilancia, disuasión e investigación, xa que, segundo os datos estatísticos dos últimos anos e os resultados de 2009, o período que vai do 15 de febreiro ao 15 de abril é o segundo de maior actividade incendiaria en Galicia, despois do verán.
Segundo o informe elaborado pola Dirección Xeral de Montes, case o 60% da superficie total afectada polo lume en Galicia o pasado ano correspondeuse con incendios rexistrados do 1 de xaneiro ao 30 de abril, sendo marzo o mes de maior actividade incendiaria. Ademais, as zonas de especial risco detectadas na pasada precampaña difiren en boa parte das máis afectadas polo lume no verán. Así, entre o 15 de febreiro e o 15 de abril de 2009, os distritos forestais que rexistraron máis incendios foron, en Ourense, Verín-Viana e Valdeorras-Trives; en Pontevedra, O Condado- A Paradanta e Deza-Tabeirós; na Coruña, Santiago-Meseta Interior e en Lugo, Lugo-Sarria. Para a Xunta, Isto pon de manifesto a necesidade de deseñar unha estratexia específica de precampaña.
Así mesmo, para o departamento que dirixe Fernández-Couto, os datos dos últimos dez anos confirman esta tendencia. Entre 2000 e 2009, na época de precampaña o número medio de lumes foi de 1.738, que representan o 21 por cento do rexistro medio anual e a superficie media afectada ascendeu a 4.543 hectáreas, o 14 por cento da media total de Galicia.
Consecución de obxectivos
Os asistentes á xuntanza tiveron tamén a oportunidade de comprobar os resultados en 2009 do Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA), que indican o cumprimento de todos os obxectivos establecidos: a superficie total afectada por lume foi menor de 3 hectáreas (2,67); a superficie arbolada afectada por lume situouse por debaixo da hectárea (0,55); máis do 70% dos lumes (75,72%) foron conatos, é dicir, afectaron menos dunha hectárea de terreo e menos do 2% (1,63%) superaron as 25 hectáreas.
No que se refire ao labor policial desenvolvido en 2009, como vén sendo habitual, actuouse ao longo de todo o ano centrándose prioritariamente en tarefas de investigación e prevención nas zonas de especial vixilancia. Na investigación, ademais dos Equipos Permanentes de Investigación de Incendios, da Policía Autonómica e a Garda Civil, dispúxose das 19 Brigadas de Investigación Forestal do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. Ademais, a vixilancia e disuasión nas zonas de especial vixilancia reforzouse con 23 patrullas das Forzas Armadas e mantivéronse xuntanzas cos compoñentes das Unidades de Helicópteros da Armada e da Garda Civil nas que se estableceron rutas de vixilancia e medidas de coordinación.
As Brigadas de Investigación Forestal realizaron 731 informes, nos que se sinala a neglixencia como causa máis frecuente na orixe dos lumes. Cómpre sinalar tamén que en 2009 a actuación policial tivo como resultado a detención de 163 presuntos incendiarios.
FONTE: NOVAS DA XUNTA