18 de mayo de 2010

A XUNTA DESTINA MÁIS DE 1,3 MILLÓNS DE EUROS AO NOVO PROGRAMA DE AXUDAS PARA PROXECTOS RELACIONADOS COA XESTIÓN DE RESIDUOS E A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO.

  Santiago, 14 de maio de 2010.- O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe un investimento de máis de 1,3 millóns de euros por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para o programa de axudas destinadas á protección do ambiente nos anos 2010 e 2011. Neste programa integraranse tres ordes distintas de subvencións atendendo, pola súa vez, aos tres grupos beneficiarios como son entidades sen ánimo de lucro, pequenas e medianas empresas e entidades locais de Galicia.

Financiaranse os proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro en materia de xestión de residuos, mitigación ou adaptación ao cambio climático e implantación e mantemento no sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS).

Obxectivos
O obxectivo principal destas subvencións é o de favorecer a participación da sociedade civil na xestión de residuos e na loita contra o cambio climático. Dúas das materias que, dende o punto de vista ambiental, constitúen unha prioridade absoluta e respecto das cales os cidadáns se configuran como a peza clave do éxito de calquera programación que se pretenda desenvolver en relación con estas.

As actuacións subvencionables recollidas nesta orde abranguen a xestión de residuos:

- A eliminación de puntos de vertedura incontrolada.
- Iniciativas que favorezan a prevención, reutilización e correcta xestión dos residuos, tales como: ambientalización de eventos, organización de mercados de segunda man ou de intercambio, promoción da compra e consumo responsables, talleres de reparación de aparellos eléctricos e electrónicos reutilizables, etcétera.
- O fomento da autocompostaxe.
- Experiencias piloto e iniciativas que impulsen a xestión diferenciada de residuos industriais e comerciais, tales como os producidos na hostalaría, restauración, bares, mercados, oficinas, comercios así como noutras actividades do sector servizos en xeral.
- Proxectos destinados á organización e posta en marcha de sistemas especiais de recollida selectiva, reutilización e reciclaxe de residuos, como: materia orgánica, aceites de cociña e luminarias, entre outros.
- Así como aqueloutras que se propoñan en relación coas prioridades impostas pola normativa aplicable nesta materia.

En materia de mitigación e adaptación ao cambio climático subvencionaranse, entre outros:

- Os investimentos que contribúan á redución de emisións no denominado sector difuso, é dicir, aqueles sectores non incluídos na Directiva 2003/87/CE, de comercio de emisións, en particular, os de mellora ambiental de instalacións propias ou na adquisición de equipamento que contribúan a un aforro dos recursos ou enerxía empregados, apostando por técnicas de eficiencia enerxética e uso intelixente da enerxía.
- Os plans, programas, estudos técnicos e outras iniciativas que contribúan á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Un terceiro grupo de actuacións ten por finalidade impulsar a implantación e mantemento destas entidades no denominado sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS), instrumento de carácter voluntario co que se persegue axudar as organizacións que se adhiran a este a optimizar o seu comportamento ambiental, reducindo os posibles impactos sobre o ambiente e mellorando a eficiencia no emprego dos recursos.

Os proxectos de xestión de residuos e mitigación ou adaptación ao cambio climático poderán incluír medidas de educación e sensibilización ambiental que serán obxecto de subvención, ata un máximo de 5.000 €, sempre e cando garden a oportuna correspondencia coa actuación que se van desenvolver. Inclúense neste punto: accións formativas, campañas, exposicións, seminarios, xornadas, conferencias, talleres de traballo, edición de folletos, guías informativas e/ou outro tipo de publicacións divulgativas, etcétera.

Prioridades de índole ambiental
Con esta nova estrutura, o actual Goberno persegue dar resposta ás principais prioridades de índole ambiental, que se consideran de interese en relación coas competencias atribuídas a este departamento autonómico, tendo en conta as particularidades ou esfera de actuación dos potenciais destinatarios. Así mesmo, reactivarase a participación dos diferentes sectores da nosa sociedade involucrados na protección do ambiente.

Poderanse beneficiar destas axudas as fundacións, asociacións e outras entidades ou institucións sen ánimo de lucro que, estando legalmente constituídas e inscritas nos rexistros públicos correspondentes, desenvolvan a súa actividade no territorio galego.

En relación ás contías, as axudas poderán acadar o 100 % do custo do proxecto presentado, cos límites máximos sinalados pola orde e que, no caso de iniciativas relativas á xestión dos residuos ou mitigación e adaptación ao cambio climático, podería chegar aos 20.000 euros.

FONTE:
www.cmati.xunta.es  14/05/2010.