Aínda que o proxecto se atopa na fase de aprobación administrativa para un permiso de investigación (paso previo para a explotación mineira), simplemente coa procura de catas moitos elementos etnográficos e naturais están ameazados, pois a empresa omite dicir os lugares exactos onde se pretenden realizar (de se aprobar o permisos de investigación "Carlota" e "Macarena"). As sondaxes consisten en facer diversas perforacións de profundidade variábel nun número que se achega a 600, nunha contorna continua que abrangue 89 cuadrículas mineiras nos concellos de A Lama, Avión, Covelo e Fornelos de Montes.
Ante a pasividade e desidia da Administración á hora de declarar este espazo como LIC (Lugar de Interese Comunitario), diferentes proxectos de aproveitamento mineiro e enerxético preséntanse como verdugos da súa riqueza cultural e ecolóxica. De non reaccionar a tempo, proxectos como o que nos ocupa suporán a ruína total deste espazo de media montaña para as súas xentes, o seu legado patrimonial e a súa biodiversidade.
Fonte: Asemblea do Suído. (11/10/2010).