A Consellería do Medio Rural non vai cobrar por recoller cogomelos nos montes, nin ten previsto establecer algún tipo de identificación ou carnet para os afeccionados á micoloxía que recollan estes fungos. Tampouco está prevista no borrador da nova Lei de Montes que prepara este Departamento referencia concreta algunha ao respecto. Medio Rural quere aclarar estes extremos sobre a base de que a inmensa maior parte dos montes galegos son de propiedade particular e, xa que logo, a Xunta no pode aplicar cobro ningún en terreos que son privados.
A Consellería que dirixe Samuel Juárez quere insistir no feito de que os cogomelos dun determinado terreo forestal son propiedade do dono do monte. O seu carácter non pode equipararse ás pezas de caza ou pesca, que teñen a condición xurídica de res nulis, é dicir, non son, en puridade, propiedade de ningúen ata que son cobradas polos cazadores ou pescadores. Nese caso a Administración regula ambas actividades por razóns, basicamente, de sustentabilidade dos recursos. No que atinxe ás setas, estas son propiedade do dono do monte desde que xurden sobre o terreo, e polo tanto non ten sentido falar de cobrar ou aplicar unha regulación expresa. En todo caso, o borrador de Lei de Montes que prepara a Xunta terá en conta que os cogomelos son un recurso forestal de certa importancia en determinadas zonas de Galicia, e como tal merecerá a debida atención no texto legal, en relación co aproveitamento xeral do monte, pero sempre partindo desa condición de propiedade privada do mesmo.
Diferente a outras comunidades
Por último, a Consellería do Medio Rural advirte que a situación da propiedade do monte en Galicia é sensiblemente diferente a doutras comunidades autónomas de España, nas que o carácter público abarca áreas moito máis amplas do terreo forestal, fronte a un predominio case total (por riba do 90%) da propiedade privada, no caso de Galicia.
FONTE: NOVAS DA XUNTA