A Consellería do Medio Rural e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) colaboran no Seminario Internacional "Perspectivas desde Galicia no Ano Internacional da Diversidade Biolóxica", que se celebra a vindeira semana na localidade coruñesa de Oleiros.
Este curso, que inaugurará o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, o vindeiro martes día 2 de marzo, pretende contribuír á formación dos xestores de espazos protexidos de Galicia e reforzar a divulgación das políticas galegas de conservación. O programa deste semninario que se prolongará ata o xoves día 4, contará coa presenza de numerosos expertos internacionais que presentarán a problemática actual de espazos naturais de gran valor como a selva africana, pasando polas áreas mariñas protexidas de África Occidental e profundizando nos ecosistemas de España e Galicia.
O carácter internacional deste foro ven marcado pola presenza de destacados expertos procedentes de Estados Unidos, Mauritania, Arxentina e Brasil. Achegarán aos participantes no seminario os seus amplos coñecementos, experiencias e boas prácticas en materia de diversidade biolóxica. O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, encargarase de analizar a situación da Biodiversidade en Galicia, mentres que a Reserva Internacional da Biosfera Xurés-Gêres será tratada por representantes das administracións galega e lusa.
Cumio de Río
O Convenio sobre a Diversidade Biolóxica recolle o compromiso dos firmantes, durante o Cumio de Río, de reducir no 2010 a taxa de perda de biodiversidade a nivel global, nacional e rexional.
O 2010 foi proclamado Ano Internacional da Diversidade Biolóxica polas Nacións Unidas, co fin de concienciar á sociedade sobre a conservación destes espazos e frear a perda da riqueza natural.
FONTE: NOVAS DA XUNTA