15 de marzo de 2010

Un libro de Medio Rural recompila ferramentas silvícolas de utilidade para a xestión sostible das masas forestais de Galicia.

 
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, presidiu hoxe 15 de marzo de 2010 en Lugo a presentación do libro "Herramientas selvícolas para la gestión forestal sostenible en Galicia", editado pola Dirección Xeral de Montes en colaboración coa Universidade de Santiago (USC) e co financiamento de fondos comunitarios FEADER. Trátase dunha publicación de carácter técnico, que ten como principal obxectivo recompilar e difundir ferramentas silvícolas de utilidade para a xestión sostible das masas forestais de Galicia.

A obra é o resultado de 15 anos de investigacións (desde 1995) sobre o crecemento e a produción das principais especies forestais de Galicia na Escola Politécnica Superior de Lugo, da USC. Inclúe diversas ferramentas silvícolas (modelos matemáticos) para a maioría das especies con interese comercial de Galicia, tales como curvas de calidade de estación, tarifas de cubicación con clasificación de produtos ou ecuacións de biomasa.

CD-ROM
A publicación ten un total de 259 páxinas e está estruturada nunha introdución, 10 capítulos e 3 anexos. Ademais, incorpora un CD-ROM con diversas aplicacións informáticas que permiten a súa utilización de forma sinxela, entre as que se atopa a última versión do simulador de crecemento e produción de rodais forestais. Neste programa incluíronse agora os últimos modelos dinámicos elaborados para as plantacións galegas de Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris (tres diferentes tipos de piñeiros).

A meirande parte das ferramentas silvícolas deste libro foron elaboradas por membros do grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Universidade de Santiago (USC), que coordina o profesor Alberto Rojo Alboreca.

Semana Forestal
A presentación desta publicación –que en breve estará dispoñible on line nas webs da Xunta e da USC– fíxose coincidir co arranque da Semana Forestal, previa ao Día Forestal Mundial (que terá lugar o vindeiro domingo, 21 de marzo), e na que por parte do Goberno Galego organízanse diversos actos, por toda Galicia, co fin de promover a concienciación social sobre a importancia ambiental e económica do sector forestal na nosa Comunidade.

FONTE: NOVAS DA XUNTA