A XUNTA FINANCIA UN ESTUDO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO PARA O TRATAMENTO DAS FLORACIÓNS DE CIANOBACTERIAS NO ENCORO DAS FORCADAS, EN VALDOVIÑO.
Medio Ambiente inviste unha cantidade económica de 121.000 euros. O obxecto do plan é deter a prolifereación de cianobacterias mediante o emprego de palla de cebada co fin de protexer a fauna e a flora. O éxito do método consiste na aplicación do tratamento con antelación ao aumento das bacterias, dosificación e aireación adecuada da palla, colocación apropiada na masa da auga e correcta circulación da auga. O plan de traballo levarase a cabo durante un ano e medio, tomando mostras da auga cada mes para finalmente, elaborar análises e conclusións finais.
O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e a estación de hidrobioloxía Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para a validación experimental do tratamento con palla de cebada sobre as floracións de cianobacterias no encoro das Forcadas, en Valdoviño. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realiza unha achega económica de máis de 121.000 euros distribuídos en dúas anualidades, significando isto unha achega de 88.122 euros no presente 2010 e 33.067 no vindeiro ano 2011.
Minimización de cianobacterias.
Cómpre sinalar que as cianobacterias son bacterias capaces de realizar fotosíntese osixénica, coñecidas máis comunmente por algas verdeazuladas. Colonizan ecosistemas terrestres e, sobre todo, acuáticos, dando lugar a formacións coñecidas como floracións. Algunhas cianobacterias producen toxinas e poden provocar a mortalidade dos animais que habitan o mesmo ambiente ou beben esa auga. O obxecto do dito acordo é a execución do tratamento con palla de cebada sobre as floracións de cianobacterias no encoro das Forcadas co fin de controlar o crecemento masivo destas poboacións e permitir resolver os problemas asociados a estas. Deste xeito, protexerase a fauna e a flora do contorno do citado encoro, evitando que a multiplicación das bacterias cause prexuizos.
A hipótese de partida apóiase nas propiedades da palla de cebada para a supresión do crecemento das cianobacterias. A palla proporciona o carbono necesario para o aumento microbiano limitado por este elemento. Así, coa dispoñibilidade de carbono asegurada, prodúcese un incremento das comunidades microbianas e, como consecuencia, cantidades significativas de fósforo son desviadas. A palla, ao descompoñerse, provoca indirectamente un descenso do fósforo dispoñible para as cianobacterias, converténdoo por tanto nun factor limitante, sen necesidade de existir inhibición por liberación de compostos químicos.
O éxito do método consiste na aplicación do tratamento con antelación á proliferación das bacterias, dosificación e aireación adecuada da palla, colocación apropiada na masa da auga e correcta circulación da auga. Tamén inflúen o tipo de palla empregada e as condicións nas que a cebada fora cultivada.
Cronograma de traballos
O plan de traballo levarase a cabo ao longo dun ano e medio, abarcando o ciclo completo de floración no encoro das Forcadas, onde se veñen registrando cianobacterias dende o ano 2007.
O deseño experimental inclúe a instalación de 12 limnocorrais flotantes cilíndricos, dos que 4 se utilizarán como control e os restantes se someterán a tratamentos con palla de cebada en diferentes doses. En cada limnocorral tomaranse catro mostras mediante botellas e mangas.
O experimento comeza con doses iniciais que se manterán seis meses, momento no que segundo os resultados, se renovará a palla e se cambiarán as doses experimentais. Ademais, os limnocorrais visitaranse cada mes e tomaranse mostras de auga e fitoplancto en distintas condicións. A experimentación manterase doce meses, de forma que os seis meses restantes dedicaranse á análise dos resultados e á redacción das conclusións finais.
FONTE: CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA.