14 de abril de 2010

Orde do 8 de abril de 2010 pola que se modifica a Orde do 16 de maio de 2008 pola que se declara a existencia da praga da pulguiña do carballo (Altica quercetorum Foudr.) nalgunhas zonas de Galicia.

   No ano 2007 detectouse en zonas concretas das provincias de Lugo e Ourense unha proliferación anormal da pulguiña do carballo (Altica quercetorum Foudr.), coleóptero da familia dos crisomélidos, que se alimentan de tecidos foliares e que, ademais de produciren unha depreciación estética das árbores afectadas, poden inducir ao debilitamento dos pés, o que podería ser aproveitado por outras pragas ou enfermidades para atacalos de xeito máis eficaz.

    Para poder actuar nos focos detectados desta enfermidade publicouse a orde do 16 de maio de 2008 e así puidéronse tomar as medidas de loita fitosanitaria axeitadas contra esta praga dando os tratamentos que minimizasen os danos directos ou indirectos que causaba.

    Dado que a praga se estendeu a outros concellos, cómpre modificar a orde ampliando o ámbito territorial dos concellos en que a praga se considera declarada.

    A Lei 43/2002, do 20 de novembro, articula as actuacións en materia de sanidade vexetal, tanto na prevención como na loita contra as pragas, do Estado e das comunidades autónomas. Na aplicación desta lei é competencia desta consellería a declaración da existencia de pragas no territorio galego, recaendo pla súa vez esta competencia en virtude da estrutura orgánica da consellería na Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

    Polo exposto, en virtude do establecido no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, e no uso das facultades que me foron conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

DISPOÑO:
Artigo 1º
    Esta orde ten como obxecto ampliar o ámbito territorial e modificar a disposición adicional establecida pola Orde do 16 de maio de 2008 pola que se declara a existencia da praga da pulguiña do carballo (Altica quercetorum Foudr.) nalgunhas zonas de Galicia.
Artigo 2º
    Modificación da Orde do 16 de maio de 2008 (DOG nº 97, do 21 de maio de 2008) pola que se declara a existencia da praga da pulguiña do carballo (Altica quercetorum Foudr.) nalgunhas zonas de Galicia.

    A Orde do 16 de maio de 2008 pola que se declara a existencia da praga da pulguiña do carballo (Altica quercetorum Foudr.) nalgunhas zonas de Galicia, modifícase nos seguintes termos:
«Un.

Artigo 1º.-Declaración de praga.

    O artigo 1º nos seus puntos a) e b) queda redactado como segue:
a) Lugo: Sober, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Sarria, O Incio, Bóveda, Navia de Suarna, Saviñao, Ribas do Sil, Quiroga e Chantada.

b) Ourense: Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo de Limia, Sarreaus, Trasmiras, A Merca, Barbadás, San Cibrao das Viñas, Celanova, Ourense, Amoeiro, Cartelle, Taboadela, A Bola e Allariz.
Dous.

Disposición adicional

     A disposición adicional queda redactada como segue:

     Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira
      Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural
 
Publicado no D.O.G. nº69 do 14/04/2010.