- Medio Ambiente e o Eixo Atlántico traballarán conxuntamente na realización de estratexias para o desenvolvemento sustentable cunha achega de 350.000 euros
- O proxecto contempla a creación dunha Axencia de Ecoloxía cuxa función básica será asesorar procesos de diagnose e planificacións sustentables
- O convenio establece un foro conxunto para o intercambio de información, documentación, estudos e posicións sobre os ámbitos de sustentabilidade e ordenación de territorio
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular para o desenvolvemento de estratexias conxuntas no ámbito do desenvolvemento sustentable e o territorio. Con este traballo conxunto, crease a primeira Axencia de Ecoloxía de carácter transfronteirizo de Europa. Ademais, as liñas de traballos que se propoñen son pioneiras e están enmarcadas na I+D+i no campo das sustentabilidade. O obxectivo é acadar unha xestión dinámica e analizar unha posible evolución das accións que se desenvolven sobre o territorio, para a acadar unha planificación sostible.
O departamento que dirixe Agustín Hernández realiza unha achega económica de 350.000 euros distribuídos en dúas anualidades: 275.000 euros no presente ano e 75.000 euros no vindeiro 2011.
Este convenio ten por obxecto establecer as bases para artellar a colaboración co fin de deseñar e executar accións en materia de desenvolvemento sustentable e ordenación do territorio.
Por unha parte, destaca a xestión conxunta da Axencia do Eixo Atlántico como apoio tecnolóxico e científico ás políticas de sustentabilidade tanto en Galicia como no norte de Portugal. Neste senso, ambas institucións son conscientes de que a aproximación a un modelo de desenvolvemento máis sustentable é un reto principal a que se enfrontan os sistemas urbanos na actualidadade.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Eixo Atlántico acordan impulsar conxuntamente unha Axencia de Ecoloxía cuxo ámbito xeográfico de actividade sexa a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal. A axencia de ecoloxía ten como misión proporcionar soporte en procesos de planificación estratéxica ás administracións, achegando conceptual e instrumentalmente un marco para a definición dun modelo que conduza a un desenvolvemento máis sustentable.
Funcións da AxenciaA Axencia de Ecoloxía contempla como funcións primordiais asesorar en procesos de diagnose e planificación sustentable e investigar e desenvolver novos instrumentos para a análise dos sistemas urbanos e territoriais. Tamén deberá colaborar con universidades, centros de investigacións, empresas e administracións vencelladas á sustentabilidade e mellora de calidade de vida. Ademais, a citada axencia contribuirá á formación do persoal técnico das administracións en materias de sustentabilidade e planificación estratéxica.
Por outra parte, o convenio establece un foro conxunto para o intercambio de información, documentación, estudos e posicións sobre os ámbitos de sustentabilidade e ordenación de territorio. Ambas as partes aceptan traballar de xeito conxunto no desenvolvemento da planificación estratéxica e a ordenación, co fin de unir esforzos e garantir maior coordinación.
O acordo tamén se centra no fomento da redacción conxunta de estudos, traballos de investigación, plans ou documentos de ordenación do territorio e planificación estratéxica, a presentación conxunta de candidaturas a fondos europeos ou calquera outros que axuden ao cumprimento dos fins do convenio.
Actividades do Eixo Atlántico
O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é unha asociación transfronteiriza constituída de conformidade co convenio sobre Cooperación Transfronteiriza entre comunidades ou autoridades territoriais. Este organismo agrupa as sete principais cidades galegas e as dezasete do norte portugués. A finalidade deste ente é o desenvolvemento económico, social, cultural, teconolóxico e científico dos espazos que o constitúen.
O Eixo Atlántico presentará no transcurso do primeiro mes seguinte á sinatura deste acordo dunha planificación dos traballos a desenvolver para a consecución dos obxectivos e estratexias obxecto del. Os recursos materiais e humanos necesarios para o desenvolvemento das actividades encargadas serán asignados polo presente ente. Os traballos serán entregados en formato dixital e electrónico. Ademais, o Eixo debe redactar unha guía para a elaboración de Axendas 21.
FONTE: CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA DO 22/04/2010.