12 de mayo de 2010

A Consellería do Medio Rural gábase do recoñecemento definitivo da IXP Castaña de Galicia por parte da Unión Europea

 

Santiago, 12 de maio de 2010.- O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe a Orde pola que se aproba o Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia. Tras ser recoñecida como produto de calidade o pasado 28 de setembro de 2009 no DOUE, e ao non notificarse ningunha alegación, a Comisión procedeu ao rexistro de Castaña de Galicia como nova Indicación Xeográfica Protexida.

A IXP Castaña de Galicia foi aprobada e publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) por orde do 5 de febreiro de 2009 da Consellería do Medio Rural. Nun acto oficial, presentouse o seu Consello Regulador da man do titular de Medio Rural, Samuel Juárez, e do Presidente do consello, Jesús Quintá García.

Castaña con sabor galego
A Indicación Xeográfica Protexida "Castaña de Galicia" resérvase aos froitos obtidos a partir dos cultivares autóctonos do castiñeiro europeo, destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado. Os froitos dos castiñeiros amparados teñen un sabor doce e de textura firme e non fariñenta.

O ámbito xeográfico de produción da IXP Castaña de Galicia comprende a área do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopa delimitada ao oeste pola Dorsal Galega e pola Serra do Xistral cara ao norte. Abrangue varios concellos das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra ademais da totalidade dos de Ourense.

FONTE: CONSELLERIA DO MEDIO RURAL